Os proxectos de investigación

 


Estudo da capacidade de adsorción de zinc da macroalga Ulva lactuca

A capacidade das macroalgas de actuar como axentes bioindicadores é un fenómeno que se ven estudando nas últimas décadas debido aos altos índices de contaminación. No caso concreto de Ulva lactuca, proposta como obxecto deste estudo, ofrece as calidades biolóxicas e químicas idóneas para converterse nun bo indicador de metais pesados. A ampla dispersión xeográfica desta especie nas costas galegas así como a alta concentración de alxinatos que as especies bentónicas presentan, fan que esta especie poda ser unha gran candidata a bioindicador. Neste traballo realizarase un estudo da capacidade de adsorción dun metal pesado (Zn) pola macroalga Ulva lactuca mediante un bioensaio. 



Análise de series temporais de variables oceanográficas na contorna do Val de Miñor

O cambio climático é un dos principais retos aos que se enfronta a humanidade. Na actualidade, existe unha gran rede de boias oceanográficas as cales poñen a nosa disposición unha gran cantidade de datos acerca das variables oceanográficas afectadas polo cambio climático. Por conseguinte, o proxecto basearase na análise de series temporais de distintas variables oceanográficas na contorna do Val Miñor e polas en relación co quecemento global. O cambio climático afecta tamén á dinámica da circulación costeira en Galicia, afectando ao fenómeno de afloramento-afundimento, o cal é a base da porsperidade e abundancia de biomasa nas Rías Baixas. Por ende, o obxectivo do traballo é a análise de series de datos de temperatura superficial e profunda na columna de auga, intensidade de afloramento (obtida a partir de series de datos temporais acerca da dirección do vento), concentración de clorofila en superficie e concentración de nutrintes.



Análise da concentración de hidrocarburos aromáticos policíclicos en mexillón no litoral do Val de Miñor 

Os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) constitúen uns importantes axentes contaminantes no medio mariño dada a elevada toxicidade que xeran, e as diversas e abundantes fontes das que se orixinan. Os HPAs poden bioacumularse nos tecidos polo que é posible empregar o mexillón (Mytillus galloprovincialis) como bioindicador. Analizarase a concentración de HPAs en mostras de mexillón procedentes de diferentes localidades do litoral do Val de Miñor co obxectivo de coñecer os niveis de contaminación por HPAs en comparación con outras localidades xa estudadas.


Estudo das relacións filoxenéticas do xénero Donax de Praia América (Nigrán)

A cadelucha (xénero Donax) é un molusco bivalvo amplamente distribuido nas praias de Galicia. Baixo esta denominación agrúpanse dúas especies que se comercializan xuntas: Donax trunculus e Donax vittatus. Trátase dun grupo moi importante dende o punto de vista da actividade marisqueira polos grandes beneficios económicos que xera. Porén, debido á sobreexplotación, ó cambio climático e outros factores que a día de hoxe están sendo obxecto de estudo, a cadelucha experimentou nos últimos anos o declive das súas poboacións. Esta diminución da poboación pode supor unha perda da  diversidade xenética que podería comprometer o futuro destas especies. O obxectivo deste proxecto é secuenciar o xene mitocondrial COI, e establecer as relacións filoxenéticas entre D. trunculus e D. vittatus que cohabitan en Praia América (Nigrán) así como comparar a súa diversidade xenética con poboacións doutras localidades.


Deseño dun prototipo de hidrófono de baixo custe

A contaminación acústica supón un grave problema medioambiental nos ecosistemas litorais e pode estar orixinada por múltiples factores como o tráfico marítimo ou as actividades portuarias. Esta presión sonora pode causar diversos efectos sobre os animais acuáticos variando as súas rutas migratorias ou prexudicando a súa capacidade de orientación. Para poder medir estes niveis de contaminación acústica é necesario un hidrófono, transductor electroacústico que converte as vibracións sonoras en enerxía eléctrica. Estes dispositivos comercialízanse cun elevado custe económico o que dificulta o seu uso extensivo. O obxectivo deste proxecto é desenvolver un hidrófono con materiais de baixo custo utilizando software libre.


Estudo da evolución económica da lonxa de Baiona, 2001-2020

A actividade pesqueira constitúe un sector económico de relevante importancia para a nosa comunidade autónoma da que depende o traballo de milleiros de persoas. A explotación dor recursos pesqueiros debe estar sometida a un estricto control para evitar a sobreexplotación e o esgotamento dos recursos. Por este motivo, o sector pesqueiro, especialmente de baixura, debe adaptarse ás fluctuacións naturais das poboacións. A demanda de determinados productos pesqueiros e a dispoñibilidade dos mesmos determina a dinámica económica das lonxas. A confraría de Baiona desenvolve a súa actividade estractiva sobre as especies de baixura que se comercializan na lonxa de Baiona. O obxectivo deste proxecto é estudar a evolución económica da lonxa de Baiona dende o 2001 ao 2020, tendo en conta as cinco especies máis comercializadas. 


Estudo dea diversidade xenética dunha pequeña poboación de Z. noltei en A Guarda (Pontevedra)

As pradeiras marinas posúen un papel relevante nos ecosistemas litorais. Nas últimas décadas estas pradeiras marinas sufriron un importante retroceso. O xénero Zostera está formado por diversas especies vexetais que conforman estas pradeiras nas costas galegas e cabe destacar a especie Z. noltei, moi abundante na nosa contorna. O declive destas poboacións de Z. noltei pode supoñer unha perda significativa na súa diversidade xenética o que pode poñer en risco a súa supervivencia. O obxectivo deste proxecto é cuantificar a diversidade xenética de dúas poboacións de Z. noltei (A Ramallosa e A Guarda) mediante AFLPs.


Comentarios

Entradas populares de este blog

O IES Val Miñor incorpórase á investigación científica no marco STEMBach