O IES Val Miñor incorpórase á investigación científica no marco STEMBach

O IES Val Miñor implantou na súa oferta educativa a partir deste curso académico 2020/2021 a modalidade de bacharelato de excelencia STEMBach.

O programa STEMBach da Consellería de Educación, Cultura e Universidade consiste na realización dun proxecto de investigación polo alumnado de bacharelato que voluntariamente queira cursar esta nova modalidade, en colaboración con centros de investigación da contorna, neste caso con distintos grupos de investigación da Universidade de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía (IEO).

No IES Val Miñor, un grupo de 7 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato desenvolverán o seu proxecto en torno a unha temática común: a relación da poboación humana co entorno oceánico. Os proxectos estarán titorizados por profesorado do centro dos Departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Educación Plástica e Visual, Física e Química, Lingua Galega e Literatura e Tecnoloxía e codirixidos por Profesorado universitario e persoal investigador do IEO.

O obxectivo do programa STEMBach no IES Val Miñor é estudar, dende diferentes ámbitos, a relación do home co océano, cómo as actividades humanas impactan no medio mariño e cómo o medio mariño se constitúe como un referente cultural a nivel local. Os proxectos terán un carácter innovador e desenvolveranse tal e como se desenvolve un proxecto de investigación en calquera centro de investigación. O alumnado proporá o seu tema de traballo e os seus obxectivos. Ó final do programa os proxectos deberán defenderse diante dun tribunal.

Os proxectos que este ano se poñen en marcha abordarán campos como a xenética, a química, a tecnoloxía, a economía ou cambio climático.

O programa STEMBach supón unha magnífica oportunidade para que o alumnado aprenda a metodoloxía básica dun proceso de investigación.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Os proxectos de investigación